Glícidos

Os glícidos, tamén chamados azucres ou sacáridos, son un grupo de biomoléculas orgánicas moi abundante na natureza. Concretamente a celulosa, o principal compoñente da madeira, que é de natureza glicídica, quizais sexa o biomolécula máis abundante na biosfera. Os glícidos defínense sinxelamente dende o punto de vista químico como polihidroxialdehidos ou polihidroxicetonas, ou ben substancias que por hidrólise dan lugar a este tipo de compostos. Os polihidroxialdehidos son compostos orgánicos nos que todos os átomos de carbono están unidos a un grupo hidroxilo agás un deles que forma parte dun grupo aldehido, mentres que as polihidroxicetonas son compostos orgánicos nos que todos os átomos de carbono están unidos a un grupo hidroxilo agás un que forma parte dun grupo cetona. Moitos glícidos responden a fórmulas empíricas que se poden escribir como (CH2O)n, polo que antigamente pensouse que eran algún tipo de combinación de carbono e auga e chamóuselles hidratos de carbono. Hoxe sabemos que esta denominación é quimicamente enganosa, pero quizais estea demasiado arraigada como para que sexa abandonada definitivamente; de tódolos xeitos non se recomenda o seu uso.

Existen dúas clases principais de glícidos:

a)         Monosacáridos. – Tamén chamados osas. Son azucres simples, non hidrolizables, que consisten nunha soa unidade de polihidroxialdehido ou polihidroxicetona. Clasifícanse á súa vez en aldosas e cetosas.

b)         Ósidos. – Son azucres complexos que, cando sofren hidrólise, liberan monosacáridos. Están formados por un número variable de monosacáridos unidos covalentemente entre si. Algúns ósidos compóñense exclusivamente de monosacáridos e denomínanse holósidos, mentres que outros conteñen ademais outros compoñentes de natureza non glicídica e denomínanse heterósidos.

Acerca de nac812

Educador
Esta entrada foi publicada en Bioloxía 1º Bacharelato, Bioloxía 2º Bacharelato e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta