O maior sismo rexistrado en Galicia

Lugo rexistrou en 1997 o maior tremor (5,3) do século con epicentro na comunidade
O triángulo das localidades lucenses de Sarria, Becerreá e Triacastela converteuse en 1997 no epicentro do terremoto de maior magnitude do pasado século orixinado en Galicia. O sismo, cunha magnitude de 5,3 na escala Richter, foi tamén o máis importante dende outro que en 1969 rexistrou unha magnitude de 5,9 e afectou á comunidade, pero con epicentro no Atlántico.
Ese 22 de maio de 1997 a terra tremeu en Galicia máis de 150 veces. O terremoto espertou e inquietou miles de galegos que colapsaron os teléfonos de urxencias.

Edificios e casas da provincia de Lugo sufriron múltiples danos e, aínda que o sismo non provocou vítimas directas, un veciño de Sarria de 41 anos morreu como consecuencia dun infarto que sufriu pouco despois do primeiro gran tremor de terra.
Os tremores percibíronse nitidamente no resto de Galicia, pero os sismógrafos rexistraron tamén as vibracións da terra en Portugal, Asturias, Castela e León e ata Extremadura.

Acerca de nac812

Educador
Esta entrada foi publicada en CTMA 2º Bacharelato, Cultura científica 1º Bacharelato, Xeral e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.

Os comentarios están pechados.